Friday 10 de May de 2024

Feijóo avanza que a oferta pública de emprego para 2016 será a maior dos últimos anos, superando amplamente as 2.000 prazas entre sergas, Educación e Administración Xeral


No ámbito sanitario, a Xunta contempla poñer a disposición dos opositores máis de 800 prazas, grazas ao fin da limitación do 10 por cento na taxa de reposición máxima establecida polo Estado

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Oferta Pública de Emprego para 2016 será a maior dos últimos anos, superando amplamente as 2.000 prazas entre Sergas, Educación e Administración Xeral.

Neste senso, sinalou que no ámbito sanitario, a Xunta contempla poñer a disposición dos opositores máis de 800 prazas de diferentes categorías sanitarias. A elas hai que sumar, segundo engadiu Feijóo, as máis de 1.100 prazas xa anunciadas no ámbito da Educación e as que se convocarán en Administración Xeral, que serán aprobadas nas vindeiras semanas.

Como sinalou o máximo responsable autonómico, a OPE deste ano superará con creces o volume de todas as convocatorias acumuladas dos últimos anos grazas ao fin da limitación do 10 por cento na taxa de reposición máxima establecida polo Estado, unha situación que tamén afectou ao Sergas. Non obstante, subliñou que a Xunta sempre aproveitou ao máximo as posibilidades que lle permitía a lei para seguir a consolidar empregos no Sergas, ofertando todas as prazas posibles e sendo dos poucos servizos de saúde que mantivo as ofertas de praza cada ano.

As probas para optar a prazas de Medicina de Familia e Enfermería
De feito, segundo Feijóo, dende o ano 2012 téñense ofertado na Sanidade galega un total de 788 prazas para diferentes categorías sanitarias.

Neste senso, engadiu que hoxe o conselleiro de Sanidade informou na xuntanza do Consello da Xunta sobre o desenvolvemento do proceso selectivo para optar a prazas de Medicina de Familia e Enfermería, cuxas probas terán lugar este mesmo sábado no recinto feiral da Semana Verde en Silleda.

Como sinalou, trátase de case 300 prazas correspondentes ás ofertas de Emprego Público do Sergas dos anos 2013 e 2015 e para as que hai máis de 9.500 aspirantes inscritos.

Concretamente, no caso de medicina de familia ofértanse 82 prazas, ás que concorren 1.040 aspirantes, dos cales 945 preséntanse por quenda libre, 67 por promoción interna e 28 pola de discapacitados.

No caso de enfermería, hai 8.488 aspirantes admitidos que optan a 205 prazas. Deles, 8.269 preséntanse pola quenda libre, 108 pola de promoción interna e 11 pola de discapacitados.

O titular da Xunta fixo fincapé tamén en que entre as principais novidades das probas, incorpóranse medidas para dotar ao proceso selectivo dunha maior seguridade nas súas diversas fases, destacando a posta a disposición dos tribunais dunha plataforma segura en entorno web con acceso mediante certificación dixital.

Isto permite garantir, segundo Feijóo, a trazabilidade de todo o proceso, a confidencialidade na elaboración das preguntas, a selección de exames aleatoria e automatizada sobre unha batería de preguntas, a impresión e custodia dos exames en salas securizadas e a selección aleatoria e automatizada das preguntas de exame.

Así mesmo, Feijóo apuntou que antes do verán realizaranse tamén os exames da oferta aprobada en decembro de 2014, destinada a outros diplomados sanitarios, técnicos superiores e auxiliares de enfermería, con 201 prazas e uns 12.000 aspirantes.